martes, 7 de abril de 2009

Bidueiro

A bidueira, bidueiro ou bido (Betula pubescens) é unha árbore da familia das betuláceas que medra nas zonas húmidas.
Esta árbore en Galicia está presente na práctica totalidade do territorio, ainda que é moi frecuente nas montañas de Chandrexa de Queixa, no río Navea.

O bidueiro resiste condicións climáticas duras, como fríos invernais intensos, ventos e nevadas. É moi resistente a xeadas e alcanza en Galicia cotas non superadas por ningunha outra frondosa, chegando aos 1700 m. O temperamento do bidueiro é de luz, polo que non lle vai ben a cuberta arbórea, ademais de considerarse unha especie de temperamento robusto e colonizadora pouco lonxeva, xa que non excede dos 130 anos.


Caracteristicas :
O bidueiro alcanza normalmente os 15 - 20 m de altura, presentando copa redondeada que produce pouca sombra.
O tronco é recto ou lixeiramente inclinado. A cortiza é lisa, branca ou plateada, con raias horizontais surcadas de fendas negras con sucos moi fondos e grosos nós. As raíces son pouco profundas e estendidas.
As follas teñen unha forma triangular con pecíolos moi longos. Son moi delgadas, lixeiras e dentadas con face verde escuro brillante, máis claro no envés. Tornan a cor amarela no outono e os brotes son moi finos e verrugosos.
As flores masculinas son amentos longos de cor parda que vira a amarelo. As femininas son verdes, os amentos son máis curtos e viran ó amarelo cando maduran. Os froitos forman unha infrutescencia e desfanse con moita facilidade ó madurar.

Propiedades curativas e usos do bidueiro :

A madeira foi moi utilizada para fabricar moveis, xoguetes e zocos, e as follas servian como alimento dos rabaños.
Coa sabia desta arbore facíase viño e cerveza, ademais de ser empregada en lugar do azucre polos pobos do norte europeo.
Tamén esta sabia tense utilizado contra as inflamacións renais e da vexiga e para disolver cálculos dos ríls.
A cortiza do bidueiro ten propiedades diuréticas, tónicas e antisépticas, polo que é moi recomendada para enfermidades da pel ou reuma. Tamén pode calmar as dores musculares.

Emprego do bidueiro nas antigas civilizacións :
Para moitos pobos europeos o bidueiro é unha árbore sagrada que simboliza o sol pero tamén a lúa pola cor da súa cortiza. É tamén a árbore da sabedoría e a iluminación. Nos países escandinavos o nacemento das follas indicaba o momento de sementa-lo trigo. Para os chamáns, tanto da Siberia como dos pobos americáns, era o garda da porta da sabedoría.
Para os celtas simbolizaba o ano novo xa que era a primeira letra do alfabeto druídico ogham.
Durante a Idade Media foi asociado coa bruxeiría porque baixo del medraba o fungo Amanita muscaria, que era alucinóxeno, e tamén coa idea de que as basoiras das bruxas estaban feitas coa madeira desta árbore.


Bidueiro/Beth

Purificacion, limpeza,novos comenzos





No hay comentarios:

Publicar un comentario